viernes, 14 de junio de 2013
Como en Grecia?
O entreguismo institucional e as presións do mercado fan que converxan gobernos e operadores privados nun ben disimulado acoso aos sistema público de televisión en Europa.Co terreo xa abonado, por haberen cedido as institucións da UE na súa inicial defensa da idea de servizo público da radiotelevisión, nun entorno tecnolóxico que facilita o auxe da publicidade transnacional, a liberalización dos servizos e a consolidación dos conglomerados empresariais mixtos, a crise económica non fai outra cousa que acelerar os tempos que levan á TV pública ao bordo do precipicio.
O que vén de suceder en Grecia predice o que moi ben podería acabar producíndose en España e noutros países europeos. A televisión pública non escapa de verse tamén arrombada polos ventos de acoso e derribo a todo o público que soplan con furia desde os anos 80 do século pasado. É agora cando, baixo os imperativos austericidas da troica, se empezn a cumprir os agoiros que se viñeran acumulando con decisións político/institucionais de carácter desregulador, en xeral, e de acomodo ou regresión por influencia dos distintos lobby privados, en particular, que incidiron no deterioro da idea de servizo público e en facer prescindibles os sistemas públicos de comunicación.
Os argumentos que gobernos e operadores privados utilizan para amortiguar ese golpe de forza contra os medios públicos son os mesmos cos que o PP se abstivo de apoiar no 2006 o proceso que lle daba a RTVE a independencia do poder político que ata ese momento a tivera amordazada.Polo demais, unha decisión que nunca se lle recoñeceu, como merecía, a Zapatero. Por máis que ofrecía feblezas que minaban a capacidade operativa deses medios -por caso, abrindo o camiño que no 2010 se pechou coa prohibición de seguir valéndose da publicidade para o seu sostén financeiro-, comportou importantes avances ao desgubernamentalizalos e democratizalos internamente.Porén, os mesmos argumentos cos que, nada máis entrar na Moncloa e mediante un dos seus moitos decretos, Rajoy se desfixo de todo o andado. Non nos son descoñecidos, e cheiran a neoliberalismo descarnado:é a diversidade de produtos, e a fortaleza empresarial dos que a aseguran, o que garante o pluralismo, que ademais se consigue sen custos para o erario público. Conclusión, din: os medios públicos son prescindibles.
Privatizar as televisións públicas, empezando pola súa xestión, é xa que logo o obxetivo. Que xa ten noutro decreto do goberno de Rajoy a licencia correspondente. As televisións autonómicas, en primeiro lugar. Experiméntase nelas unha contrareforma que é moito máis radical do que a simple vista poidera parecer. Aparte de darlles liberdade para decidir o modelo de xestión, que poden reconvertir en enteiramente privada, elimina a obrigatoriedade de que a maioría da programación sexa de produción propia, e tamén a prohibición de cederlles a terceiros a produción e edición dos programas informativos e daqueloutros que expresamente determinen os mandatos/marco que para cada ente se aproben no desenvolvemento dos seus respectivos marcos competenciais. Á marxe do que poideramos pensar a respecto da necesidde ou non destes medios públicos en comunidades sen lingua propia,e á marxe de que veñan emulando nos seus estatutos a dependencia gubernamental que volve sufrir RTVE, o que si está claro é que ese decreto rompe o cordón sanitario que garantía, pese a todo iso, a súa condición pública. Con ese decreto quedou aberta a veda no ámbito autonómico. Outra vitoria máis dos operadores privados,que veñen esixindo o peche xeralizado de tódalas televisións autonómicas.
A vía do decreto lei ten na asfixia económica o instrumento máis acaído para iren pechando o cerco sobre o sistema público. Non se atreven a inutilizalo da noite para a mañá,pero van sancionando etapas decisivas. A primeira xa está en marcha. Aproveitando a recesión, co ánimo cidadá polo chan, mentalizan sobre a oportunidade que ofrecen os avances tecnolóxicos (a dixitalización dos procesos, a multiplicación da oferta de libre acceso mediante a TDT e Internet, etc.) para posibilitar a gradual desaparición dos medios públicos, deixando asi de ser unha carga que pagamos entre todos. Hai que dicir que esa campaña xa deu resultado en relación coas televisións autonómicas -por máis que tamén contribuiran a elo os que as dirixen e controlan partidizándoas e someténdoas a intereses espúreos-.RTVE está moito mís asentada -que fose un monopolio durante tantos anos imprimeu carácter-, pero máis tarde ou máis cedo caerá.
Para conseguilo, nada mellor que poñela a dieta.Para entrar nunha nova etapa intermedia que ten por obxetivo convertela nunha Radio e nunha Televisión marxinais. Sen a publicidade que ata o 2010 conformara o seu modelo de financiamento mixto,coa rebelión que se aveciña negándolles as operadoras privadas e as empresas de telecomunicacións as porcentaxes de ingresos ás que quedaron obrigadas en compensación pola publicidade que gañaron, e co recorte de 250 millóns na xa depauperada cantidade que recibe como subvención estatal,ese obxetivo será cousa de coser e cantar. Da marxinalidade á desaparición só hai paso.
Sen vontade política para consolidar o marco legal e a estabilidade do espazo audiovisual -por caso, a adecuación das televisións utonómicas á lexislación do 2010, e a creación e desenvolvemento regulamentario do Consello ou Autoridade Audiovisual como organismo independente de control sobre todo o espectro televisivo, público e privado-, e sen vontade tampouco para afrontar en positivo a crise de lexitimidade e de identidade dos operadores públicos en tempos de cambios e de fortísimas transformacións sociocomunicativas, a asfixia económica convírtese no máis eficaz dos instrumentos -a soga do aforcado- para levar a cabo, a curto ou a medio prazo, a liquidación da televisión e radio públicas.
O experimento grego terá consecuencias inmediatas non só en España, que ten un goberno que leva o acoso ao público no seu ADN, tamén noutros países europeos gobernados por partidos semellantes. A crise económica non é senón a excusa perfecta.
Como paralos? Porque, de salvalos desa voráxine neoliberal, dándolles a independencia e a autonomía que demandan para poderen exercer as funcións de servizo público -dando pé a unha TV participativa e de calidade, social e culturalmente útil-, os medios públicos están chamados a ser os nosos máis decisivos aliados contra todo canto está contribuindo á construción dun bucle mediático/consumista que idiotiza e esclaviza. Pregúntome se a sociedade está en sintonía con isto ou se, pola contra, non pasa de ser mera espectadora de canto está supoñendo, como en Grecia, o desmantelamento dunha das ferramentas que máis pode salvagardar a calidade da democracia, e con ela, o estado de benestar.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario